Moción aprobada por unanimidade para reclamar á Xunta a reforma da PO-303 en Samieira

Poio
30 de novembro 2022

A moción impulsada por Avante Poio e o PSdeG-PSOe insta á Consellería de Infraestruturas a realizar os mesmos investimentos que practica noutras vías de titularidade autonómica en municipios da contorna

Votación no pleno de Poio
Votación no pleno de Poio / Concello de Poio

A moción presentada polos grupos Avante Poio e PSdeG-PSOE instando á Xunta de Galicia a acometer a reforma integral da estrada PO-303 ao seu paso pola parroquia de Samieira contou co apoio de todos os grupos da corporación.

No escrito sinálase o "agravio comparativo" que sofre esta vía en relación ao tramo pertencente ao municipio veciño de Meaño. Sinalan que mentres en Meaños se efectuaron importantes actuacións de mellora durante os últimos anos coa creación de beirarrúas, beiravías e espazos para os peóns, en Samieira as carencias son notables ao carecer de todos estes servizos en diversos tramos.

A concelleira Silvia Díaz asegurou durante a sesión plenaria que esta estrada atópase nun estado moi deficiente e presenta un nivel de perigo moi elevado. Afirma tamén que a Consellería de Infraestruturas ten unha débeda pendente coa veciñanza de Samieira ao abandonar unha estrada da que é "responsable".

Gregorio Agís, concelleiro de Urbanismo, tamén pediu unha reforma integral para garantir a seguridade e os mesmos investimentos que se realizan noutras vías de titularidade da Xunta da contorna. Pola súa banda, a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, destacaba tamén a necesidade de acometer esta reforma ao atoparse nun núcleo de Samieira no que hai varias vivendas e comercios. 

O pleno de Poio xa aprobara unha moción similar en 2020, co apoio de todos os grupos da corporación, sen que desde a Xunta de Galicia se atendera, segundo indicaron os representantes do goberno local durante o pleno.