A Policía Nacional detivo unha parella á que se considera responsable da maioría de roubos con violencia que se cometeron en Vilagarcía nos últimos meses.
A actuación destas dúas persoas xerou alarma social na localidade, con até 12 roubos nos últimos meses cometidos a través de distintos métodos. Os máis recentes foron no mes de setembro.
O modus operandi máis rechamante que lle atribúen cometérono con varias vítimas. Participaban os dous, pero con distinta implicación.
A muller mantiña voluntariamente relacións sexuais coa vítima como método para facilitar o roubo. Acto seguido, aparecía o seu marido e roubáballe todo o diñeiro, ameazándoo cunha navalla.
Segundo a información policial, a maioría dos roubos con violencia que lle atribúen a esta parella implicaron o uso de armas brancas, coas que provocaron lesións diversas ás súas vítimas.
Nun dos roubos ameazaron un mozo ao que empuxaron cara a un canellón. Unha vez alí, sacaron unha navalla para que lles entregase o diñeiro. Cando tentou zafarse, cortárono nun costado e propináronlle múltiples puñadas.
Ao día seguinte, abalanzáronse por detrás sobre un mozo ao que golpearon na cabeza. Tras propinarlle unha puñada, subtraéronlle o diñeiro e o teléfono móbil.
Nos últimos meses, esta parella foi detida en varias ocasións. A última foi esta semana, o mércores 15 de outubro, por un roubo con intimidación.
Tras pasar a disposición xudicial, quedaron en liberdade.