Moito ollo coas lentes de fantasía neste Entroido!

Pontevedra
24 de febreiro 2025

O Colexio de Ópticos Optometristas de Galicia advirte sobre o uso seguro das lentes de contacto cosméticas, coñecidas popularmente como "lentes de fantasía", que se usan para disfraces de zombis ou de Drácula

Disfrace con lentes de fantasía
Disfrace con lentes de fantasía / Concello de Sanxenxo

Con motivo das festas de Entroido, o Colexio Oficial de Ópticos Optometristas de Galicia  emitiu unha serie de recomendacións para garantir o uso seguro das lentes de contacto cosméticas, tamén coñecidas como "lentes de fantasía".

Estas lentes, moi populares durante o Entroido para completar disfraces de personaxes como Drácula, zombis, meigas ou homes lobo, requiren unha adaptación previa por parte dun profesional para evitar riscos na saúde ocular.

O Colexio subliña que as lentes de contacto, ao estar en contacto directo coa córnea, deben ser prescritas e adaptadas por un óptico optometrista.

Este profesional avaliará o estado do ollo e a calidade da bágoa para determinar se o uso de lentes cosméticas é viable. Ademais, instruirá ao usuario sobre a súa correcta manipulación, uso e conservación.

A presidenta do Colexio, Esther Amaro, advirte que o uso inadecuado destas lentes pode provocar problemas oculares como conxuntivite, queratite, erosións epiteliais ou, en casos máis graves, úlceras corneais.

"Os síntomas dunha mala adaptación ou mantemento inclúen sequidade, sensación de area, ollos vermellos, picor e incluso dor ao retiralas", explica Amaro.

O Colexio insiste en que as lentes de contacto cosméticas non deben compartirse baixo ningún concepto, xa que son produtos individuais e personalizados. Tampouco se debe durmir con elas postas, xa que isto aumenta o risco de infeccións e lesións oculares.

Ademais, recoméndase seguir unha orde específica ao maquillarse: primeiro colocar as lentes e despois aplicar o maquillaxe.

É preferible utilizar bases líquidas en lugar de po para evitar que partículas entren nos ollos. Á hora de manipular as lentes, é fundamental lavar ben as mans con auga e xabón para eliminar suciedade, restos de maquillaxe ou pelusas do disfrace.

Lentes de contacto de fantasia para el Carnaval
Lentes de contacto de fantasia para el CarnavalColexio Oficial de Ópticos Optometristas de Galicia

RISCO DE COMPRAR POR INTERNET

O Colexio mostra a súa preocupación polo aumento da venda de lentes de contacto a través de Internet ou en establecementos non autorizados.

"As lentes de contacto son produtos sanitarios que deben ser prescritos e adaptados por un óptico optometrista. O seu uso sen supervisión profesional pode acarrear riscos innecesarios para a saúde visual", sinalan desde a entidade.

As autoridades sanitarias son instadas a tomar medidas para evitar a venda de lentes sen prescrición facultativa, xa sexa en liña ou en lugares non autorizados.

O Colexio lembra finalmente que unha correcta adaptación destes produtos inclúe a avaliación da saúde visual do paciente, o estado do ollo, a medida da córnea e un seguimento periódico para garantir a seguridade e comodidade da persoa usuaria.