Mollavao pide menos anuncios e máis solucións: "Levamos tres décadas estancados no tempo"

Pontevedra
16 de xullo 2026

Os veciños de Mollavao esixen ao Concello de Pontevedra prazos "claros" para as obras de Rosalía de Castro e solucións ás carencias do barrio tras décadas de promesas incumpridas

Asemblea veciñal en Mollavao
Asemblea veciñal en Mollavao / PontevedraViva

No barrio de Mollavo aseguran que "non podemos seguir vivindo de anuncios". Os veciños reclaman que os proxectos comprometidos polas diferentes administracións se convertan xa en solucións para as súas demandas históricas.

"Necesitamos datas, proxectos públicos e mecanismos de seguimento que permitan saber que se vai a facer, cando vai comezar e cando estará rematado", esixiron desde a asociación veciñal do barrio, que suma xa un centenar de asociados.

Todos eles reuníronse en asemblea, no skatepark situado debaixo da ponte da AP-9, para analizar a situación dos principais proxectos previstos no barrio e acordar as prioridades de actuación para o próximo período.

Unha das principais inquietudes veciñais radica na reforma integral de Rosalía de Castro e a construción do novo viario entre esta rúa e a avenida de Marín.

A pesar das sucesivas informacións sobre a súa posta en marcha, estas obras continúan sen unha data concreta de inicio, polo que os veciños piden ao Concello "información clara" sobre o calendario previsto para a súa execución.

A este respecto, solicitan que se lles aclare canto van durar ou como afectarán os accesos ás vivendas, aos garaxes, aos negocios, ao aparcadoiro, ás paradas de autobús ou á circulación interior global de todo o barrio de Mollavao.

Ademais, alertaron sobre a necesidade de evitar que o novo viario chegue a converterse nun corredor habitual de tráfico pesado e camións a Ence ou ao porto de Marín, "trasladando a Mollavao problemas que actualmente afectan a outros barrios"

Dentro das súas peticións, a asociación veciñal inclúe máis información sobre o desenvolvemento urbanístico previsto nos terreos onde se derrubaron os antigos chalés militares, xa que temen que dean paso "a outro solar baleiro durante anos".

Durante a asemblea tamén se abordaron problemas relacionados coa limpeza, a salubridade, a iluminación, as beirarrúas, a accesibilidade, os vehículos abandonados, o mantemento das zonas verdes, o ruído da AP-9 ou a deterioración de espazos públicos.

Instan ademais ao Concello a que dote ao barrio dun centro social ou un ámbito no que os residentes poidan reunirse, organizar actividades e desenvolver vida comunitaria. Aseguran que a posibilidade de recuperar o antigo transformador do trolebús "segue sen definirse".

Os veciños sosteñen que os grandes proxectos urbanísticos "non poden ocultar a falta de resposta a estas necesidades básicas", polo que reclaman unha actuación "coordinada" de todas as administracións con competencias no barrio.

Lembran que Mollavao conta actualmente cunha poboación aproximada de 4.000 habitantes e, segundo denuncian, leva tres décadas "estancado no tempo" e á espera de que se materialicen as actuacións comprometidas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora