Mondo Ibérica fornecerá os novos videomarcadores do Pavillón por 193.366 euros

Pontevedra
19 de decembro 2022

Os traballos de montaxe de todo este equipamento ocuparán catro semanas. A empresa ofreción tamén unha ampliación da garántía de 10 anos máis

O Pavillón Municipal de Pontevedra alberga os mundiais de loitas olímpicas e grappling
O Pavillón Municipal de Pontevedra alberga os mundiais de loitas olímpicas e grappling / Mónica Patxot

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra celebrada este luns adxudicou a compra de dous videomarcadores de tecnoloxía led para o Pavillón municipal de Deportes que se complementan con pantallas perimetrais.

A adxudicataria é a empresa Mondo Ibérica que ofertou un prezo de 193.366 euros.

Os traballos de montaxe de todo este equipamento ocuparán catro semanas. A empresa ofreción tamén unha ampliación da garántía de 10 anos máis.

Esta adaptación tecnolóxica do Pavillón municipal de Deportes permitirá a organización de eventos de categoría nacional e internacional. 

Ademais da súa versatilidade como videomarcador multideporte (baloncesto, balonmán, fútbol sala, voleibol…), estes sistemas supoñen a posta en marcha dunha canle de comunicación para aqueles recintos deportivos onde se instalan xa que se poden proxectar mensaxes, vídeos, animacións e toda clase de contidos multimedia.

As pantallas contan cunha altísima resolución, o seu deseño é modular e o seu manexo é realmente sinxelo, non necesitando persoal externo para a súa xestión.

Como ademais pódense integrar anuncios publicitarios, estes videomarcadores led convértense ademais nunha nova fonte de ingresos para os responsables do recinto sen ter que investir e actualizar soportes físicos como pancartas ou carteis, que ademais carecen de animación ou interactividade.