Montajes Novarue, unha empresa naval de Marín, pecha deixando 70 traballadores na rúa

Pontevedra
20 de maio 2014

A empresa que se dedica á reparación e transformación de buques entrou en concurso de acreedores e xa se atopa en fase de liquidación cun expediente de regulación extintivo

Montajes Novarue dedicábase á reparación de buques
Montajes Novarue dedicábase á reparación de buques

Unha nova empresa no contorno da bisbarra de Pontevedra encóntrase en fase de liquidación, segundo denunciou o sindicato CIG. Trátase de Montaxes Novarue, unha entidade situada no Porto de Marín que leva máis de vinte anos realizando traballos de reparación, transformación e construción de novos cascos de aceiro para embarcacións.

Esta empresa entrou en concurso de acredores e, na actualidade, atópase en fase de liquidación coa apertura dun expediente de regulación extintivo de emprego para o persoal.

O secretario comarcal da CIG, Marcos Conde, mostrou a súa preocupación ante a perda de máis de 200 postos de traballo nos últimos días. En Montaxes Novarue pérdense 70 traballadores, que se suman aos 90 empregos perdidos en Construcciones Crespo de Pontevedra e os 60 que desaparecerán se finalmente pecha a fábrica de Tafisa en Ponte Caldelas.

Dende o sindicato nacionalista lamentan que dende o Partido Popular, durante a campaña electoral, se está a anunciar que "a recuperación é un feito" e, non obstante, Marcos Conde afirma que "non se prevé recuperación a medio prazo". A CIG pregúntase ademais pola ausencia da administración autonómica no peche destas empresas: "Onde está a Consellería de Traballo?" e reclama medidas para a creación de emprego.