Montaxe das atraccións das festas da Peregrina no entorno da Alameda

Pontevedra
08 de agosto 2013

Rexistráronse retencións de tráfico en horas punta da xornada nas proximidades da ponte da Barca debido ao peche das rúas Raíña Vitoria, Alameda e Montero Ríos para a instalación das atraccións das festas

As barracas das atraccións xa están a instalarse no ámbito da Alameda. Os feirantes comezaron este mércores a instalación dos distintos postos que ofrecerán diversión durante a semana grande das festas da Peregrina que comezan este sábado 10 coa lectura do pregón a cargo da actriz Andrea Bayern e a ofrenda á Virxe Peregrina.

Como vén sendo habitual, a montaxe das atraccións estase a realizar nas rúas Reina Victoria, no paseo da Avenida Monteiro Ríos e na rúa Alameda. Isto supuxo o corte de tráfico destas rúas que levou consigo retencións de vehículos nas proximidades á ponte da Barca debido a que numerosos condutores non empregaron alternativas para saír da cidade a través da ponte de Santiago ou a ponte dos Tirantes.

As atraccións das festas permanecerán durante dez días en funcionamento coa celebración do Día do Neno ao termo da semana grande das festas con prezos populares para os máis pequenos.

As instalacións pasarán nas próximas horas unha inspección técnica para determinar se contan con todas as condicións de seguridade para poder entrar en funcionamento.