Monte Porreiro, A Parda, Os Gafos e O Peirao, seguintes paradas na posta a punto de parques e xardíns

Pontevedra
30 de abril 2020

As actuacións xa rematadas así como as que se están acometendo e seguirán nestes días teñen un montante económico que rolda os 12.000 euros

Acondicionamento de espazos verdes en Monte Porreiro
Acondicionamento de espazos verdes en Monte Porreiro / Concello de Pontevedra

Devolver aos espazos verdes da cidade o aspecto que tiñan antes do inicio do estado de alarma é a intención na que segue traballando o departamento de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural do Concello de Pontevedra. As diversas contratacións que a tales efectos se realizaron supoñen un importe que se achega aos 12.000 euros.

Xa se realizou unha sega do noiro do Campiño de Santa María, así como roza e acondicionamento de espazos axardinados nos barrios de Mollabao Fontensanta. Estes días e en diante contémplase rozar a desembocadura do río de Os Gafos, así como os xardíns con céspede e flores do noiro de Montero Ríos; facer unha sega e acondicionamento nas zonas verdes da urbanización de Monte Porreiro e do barrio da Parda; limpeza integral e corte de herba en zonas de verdes da contorna de Valentín García Escudero, da rúa do Peirao e das vivendas sociais entre Buenos Aires e Sierra.

Durante estas semanas de confinamento fixéronse tarefas de mantemento para evitar focos de infección e "nos últimos días intensificáronse co obxectivo de que pequenos, adultos e maiores poidan gozar destes espazos nas mellores condicións" sinalou Iván Puentes, concelleiro delegado do Servizo de Parques e Xardíns.