Monte Porreiro libérase de dez torres de alta tensión

Pontevedra
05 de abril 2019

Unión Fenosa Distribución terminou as obras de soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro, unha demanda histórica deste barrio pontevedrés que chega ao seu final despois dun ano de obras e décadas de reclamacións

Tendido eléctrico de alta tensión
Tendido eléctrico de alta tensión / Juan Mejuto

Unión Fenosa Distribución (UFD) terminou as obras de soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro.

O proxecto, que contou cun investimento de 1,5 millóns de euros, permitiu o desmonte de dez torres de alta tensión, a eliminación de 1.525 metros de liña aérea que cruzaban esta zona urbana do Lérez e o soterramento de 2.000 metros de liña.

Tratábase dunha demanda histórica dos veciños deste barrio de Pontevedra, que chega ao seu final despois dun ano de obras e décadas de reclamacións.

O responsable de UFD en Galicia, Julio Gonzalo, explicou que "este proxecto supón a eliminación do impacto visual das instalacións eléctricas e permitirá, ademais, que os veciños recuperen a servidume das súas propiedades". 

Na visita estiveron tamén presentes o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, o concelleiro Alberto Oubiña, o delegado da compañía eléctrica na provincia de Pontevedra, Francisco Ramos, e o xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial.