Moraña anima aos veciños a participar no roteiro en apoio á Asociación de Transplantados Medulares

Umia
11 de setembro 2020

O Concello de Moraña é un dos oito municipios galegos que participa na iniciativa solidaria 'La Carrera que Nunca Para: Kilómetros de Vida', promovida pola Asociación Gallega de Transplantados de Médula Ósea (Asotrame) para concienciar sobre a importancia das doazóns de medula

Cartel dos roteiros solidarios en favor da Asociación Galega de Transplantados de Médula Ósea (Asotrame)
Cartel dos roteiros solidarios en favor da Asociación Galega de Transplantados de Médula Ósea (Asotrame) / Asotrame

O Concello de Moraña é un dos oito municipios galegos que participa na iniciativa solidaria 'La Carrera que Nunca Para: Kilómetros de Vida', promovida pola Asociación Gallega de Transplantados de Médula Ósea (Asotrame) para difundir a problemática destas patoloxías e sensibilizar e concienciar sobre a importancia das doazóns de medula.

Esta actividade desenvolverase dende este venres ata o vindeiro domingo 27 de setembro e consiste na realización dun ou varios roteiros, todos eles de cinco quilómetros, entre os deseñados nos oito concellos de Galicia que se sumaron a esta iniciativa.

No caso de Moraña, o roteiro deseñado é moi coñecido pola veciñanza, xa que discorre entre a senda biosaudable da Pontenova e As Pontellas ao seu paso polo lugar de Grixó.

Ademais de Moraña, participan os municipios de Nigrán, Noia, Lugo, Baiona, Sigüeiro, Culleredo e Narón.

Os participantes, que poden inscribirse en calquera momento a través da páxina web www.lacarreraquenuncapara.com, teñen que facer o percorrido andando ou correndo e informar da súa realización, así como dar cumprimento á normativa de cada municipio e dos protocolos de seguridade sanitaria para previr contaxios de COVID-19.

A inscrición ten un custo simbólico de 3 euros que terá fins solidarios, xa que a recadación destinarase integramente á realización dos programas 'Como en Casa' e 'Servizo de Atención Psicosocial', promovidos por Asotrame e destinados a persoas que padecen diagnósticos oncohematolóxicos.

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, destacou a importancia desta iniciativa e fixo un chamamento aos veciños para que se animen a participar e colaborar con Asotrame.