Moraña aproba o proxecto modificado do campo de fútbol de Mirallos, paso imprescindible para retomar as obras

Umia
11 de xuño 2022

O Pleno Municipal deu luz verde á aprobación do proxecto modificado do Campo de Fútbol de Mirallos, un traballo técnico necesario para desbloquear a reforma, paralizada desde hai meses

Campo de fútbol de Mirallos
Campo de fútbol de Mirallos / Concello de Moraña

O Pleno Municipal de Moraña deu luz verde á aprobación do proxecto modificado do Campo de Fútbol de Mirallos, un traballo técnico necesario para desbloquear unha reforma paralizada desde hai meses.

"A situación que se está vivindo a nivel nacional no que respecta á obra pública afectou de cheo ao Campo de Mirallos. Por iso, para nós como goberno local era unha prioridade poder liquidar a situación e así retomar de novo a execución das obras", sinalou o alcalde, José Cela.

Desde a paralización dos traballos mantivéronse reunións cos técnicos da empresa e co arquitecto responsable da obra, así como coa conselleira de Medio Ambiente, para encarrilar a redacción dun novo proxecto.

Agora neste novo plan de roteiro "mantéñense inicialmente as partidas previstas, aínda que se introducen algunhas novas substituíndo algúns materiais escollidos inicialmente, debido a unha escaseza de subministración ou ás importantes demoras na súa entrega, que atrasarían considerablemente a execución", explica Cela.

Deste xeito, manterase a execución dos espazos dedicados ao que inicialmente serían vestiarios, pero quedarán diáfanos para ser utilizados polo momento como almacén. Ademais manterase a cantina e corrixiranse algúns problemas detectados con respecto á bancada. Doutra banda, incluirase nesta nova fase da obra a renovación de todo a rega do campo de fútbol ao non funcionar adecuadamente.