Moraña chega a 2024 "cos deberes feitos" e un orzamento de 2,7 millóns aprobado

Umia
01 de xaneiro 2024

As contas, que saíron adiante co apoio do goberno local, incrementan o gasto corrente en 150.000 euros e incorporan 36.000 euros máis aos Servizos Sociais. O Concello manterá conxelados novamente os impostos e as taxas e terá unha presión fiscal de entre as cinco máis baixas da provincia 

Orzamentos 2024 en Moraña
Orzamentos 2024 en Moraña / Concello de Moraña

O Concello de Moraña rematou o ano 2023 "cos deberes feitos". Así o destacou o alcalde, Sito Gómez, en alusión a que chegan a 2024 co proxecto de Orzamentos Municipais 2024 aprobado.

As contas saíron adiante en pleno co único voto favorable do goberno local e ascenden a 2.671.724 euros.

Estes orzamentos veñen marcados "pola estabilidade e pola garantía da máxima calidade nos servizos públicos". E en palabras do alcalde, "permitirán atender axeitadamente, desde comezos de ano, as necesidades dos morañeses, pero ademais é un documento vivo que se irá implementando e mellorando ao longo do ano".

O gasto corrente de bens e servizos elévase ata os 1.866.038 euros, 150.000 euros máis que o ano anterior, "para manter a fortaleza dos nosos servizos públicos facendo, con esta suba, fronte á inflación para que se manteñan todos alomenos cos mesmos e elevados estándares de calidade".

Tamén aumenta a partida de Servizos Sociais, que incorpora 36.000 euros "co obxectivo, como dixemos sempre, de fortalecer un departamento estratéxico que sempre dixemos que é unha absoluta prioridade para atender aos maiores, os cativos, as familias e as persoas en risco de exclusión".

Nestas contas, o Concello manterá conxelados os impostos e as taxas por decimoterceiro ano consecutivo, "polo que teremos de novo unha presión fiscal moi baixa, das cinco máis asequibles da provincia de Pontevedra", cun pago medio que se situará en apenas 245 euros por habitante ao ano.

Estes Orzamentos Municipais 2024 complementaranse ao longo do ano cun Plan Extraordinario de Investimentos que superará claramente a contía do millón de euros.