Moraña conmemora o 25-N cunha pancarta e actividades educativas

Umia
23 de novembro 2018

Os escolares e as mulleres de Moraña centraron a atención do programa de actividades organizado polo goberno municipal con motivo do 25-N, día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres

Concentración diante do Concello co gallo do 25-N
Concentración diante do Concello co gallo do 25-N / Concello de Moraña

Os escolares e as mulleres de Moraña centraron a atención do programa de actividades organizado polo goberno municipal con motivo do 25-N, día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.

A xornada arrancou ao mediodía na casa consistorial de Moraña, onde a alcaldesa, Luisa Piñeiro, e as participantes no obradoiro Proxecto Círculo colgaron da fachada unha pancarta con lemas reivindicativos contra a violencia de xénero.

A continuación, o CPI Santa Lucía acolleu o resto das actividades, concibidas coa dobre vertente da interacción social e o fomento da educación en valores e principios de igualdade.

A alcaldesa, a comunidade educativa e as mulleres percorreron os corredores do centro educativo para coñecer os distintos traballos en torno ás árbores e as súas partes, que están a desenvolver os alumnos dos seis cursos de Educación Primaria para a elaboración de O libro violeta das nenas e nenos de Moraña, que verá a luz no mes de marzo.

Tamén visitaron os traballos da sección O bosque, realizada para a mesma publicación polos estudantes dos dous primeiros cursos de Secundaria.

O acto rematou coa lectura dun manifesto, no que se reiterou o rexeitamento absoluto á violencia de xénero e se amosou o apoio e solidariedade coas vítimas, tras o que se procedeu á plantación dunha árbore, como símbolo de respecto á vida, no patio do colexio. 

Ademais, estanse repartindo polos comercios, bares e negocios de Moraña uns adhesivos reivindicativos co lema Fronte á violencia de xénero só cabe unha resposta. Sen ningún xénero de dúbida. NON para seguir afondando na concienciación social.