Moraña despide a quinta edición do Obradoiro de Emprego Xóvenes

Umia
12 de novembro 2021

Durante os 12 meses que durou o obradoiro os alumnos de Albaliñería participaron na obra de redistribución do interior da Casa da Cultura, na que se crearon novas salas e baños adaptados para persoas con mobilidade reducida, mentres que os de Forestal adicáronse ao acondicionamento de diversas sendas rurais que conectan varias parroquias da localidade, realizando labores de roza e de limpeza das marxes das rutas

Clausura do Obradoiro de Emprego de Xóvenes Valga-Moraña
Clausura do Obradoiro de Emprego de Xóvenes Valga-Moraña / Concello de Moraña

A quinta edición do Obradoiro de Emprego Xóvenes Valga-Moraña pon punto e final despois de 12 meses nos que 20 participantes menores de 30 anos melloraron os seus coñecementos en áreas de Albaliñería e Forestal.

Cun acto celebrado este venres no Multiusos do Concello de Moraña, os alcaldes de Moraña e Valga, José Cela e José María Bello Maneiro, a xefa territorial de Emprego e Igualdade, Marta Maneiro; a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lago, e a directora do propio obradoiro, Mari Carmen Vidal, clausuraron esta nova edición na que o alumnado tamén recibiron formación sobre prevención de riscos laborais, alfabetización dixital, igualdade de xénero ou creación de empresas.

Deste xeito, durante os 12 meses que durou o obradoiro os alumnos de Albaliñería participaron na obra de redistribución do interior da Casa da Cultura, na que se crearon novas salas e baños adaptados para persoas con mobilidade reducida, mentres que os de Forestal adicáronse ao acondicionamento de diversas sendas rurais que conectan varias parroquias da localidade, realizando labores de roza e de limpeza das marxes das rutas.

Ademais, para enriquecer a súa experiencia, realizaron dúas saídas para coñecer os sectores. Una foi a Extrugasa, en Valga, e a outra á Estación Fitopatolóxica do Areeiro e o Pazo de Lourizán, en Pontevedra. Tamén coñeceron de preto o traballo que se realiza na Fundación Laboral da Construción.

Na clausura, Lago destacou os "bos resultados que ofrecen os obradoiros de emprego ás persoas sen traballo para incrementar as súas oportunidades laborais, sendo un exemplo da importancia que ten a formación para o emprego". Tamén apuntou que estes obradoiros "son a ponte idónea para a inserción laboral no mercado de traballo".

Finalmente, engadiu que "este eido crece nos orzamentos da Consellería de Emprego e Igualdade un 50% con respecto a 2021, ata un total de 188 millóns de euros dos que se destinan 82 millóns ao Plan de formación 2022 (un 24,7% máis que este ano) para seguir ofrecendo cualificación a persoas ocupadas e sen emprego. Concretamente, para realizar este programa a Xunta investiu preto de 370.000 euros.

Ao remate do acto, as autoridades repartiron entre o alumnado os diplomas acreditativos e unha revista na que se recollen as principais actividades levadas a cabo ao longo do ano.