Moraña habilitará un aparcadoiro público en Santa Lucía

Umia
10 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O proxecto do aparcadoiro contempla 43 prazas, dúas delas adaptadas, nunha superficie de 550 metros cadrados e un espazo libre no que se rehabilitará unha antiga estrutura cuberta de madeira cun orzamento de 160.602 euros

Moraña habilitará un aparcadoiro público en Santa Lucía
Moraña habilitará un aparcadoiro público en Santa Lucía / Concello de Moraña

O Concello de Moraña vai destinar 550.000 euros dentro do Plan +Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra á creación dun aparcadoiro público no casco urbano de Santa Lucía e ao remate da modernización e reforma do campo de fútbol de Mirallos.

O alcalde, Sito Gómez, calificou ambos investimentos de “estratéxicos” durante a presentación de ambos proxectos, na que estivo acompañado por membros do goberno local e que tivo lugar na explanada anexa á rúa 6 e ao Edificio Multiusos na que se construirá o espazo de estacionamento gratuíto xunto ao acondicionamento dunha zona verde.

O proxecto do aparcadoiro, co que se comezará a urbanizar a popularmente coñecida como explanada e que acolle o mercadiño quincenal, actuará nunha superficie de 550 metros cadrados na que se habilitarán 43 prazas de aparcamento, dúas delas adaptadas, con pavimento de formigón, os carrís de circulación a base de aglomerado e beirarrúas de acceso de ata dous metros de anchura.

Paralelamente, nesta zona instalarase a correspondente sinalización, alumeado público e rede de pluviais e todo elo completarase co acondicionamento dunha zona verde á que se dotará de elementos de xardinaría, bancos e papeleiras e na que se rehabilitará unha antiga estrutura cuberta de madeira.. Todo elo suporá un orzamento de 160.602 euros.

Por outra banda, a segunda e derradeira fase do campo de fútbol de Mirallos, emprazado nunha parcela de 7.450 metros cadrados, incluirá a dotación dunha capa drenante, a explanación, semente e preparación do terreo de xogo de céspede natural, a instalación dun sistema de rego con aspersores emerxentes, a colocación de catro grandes torres de iluminación e a construción dun novo peche perimetral con portón de acceso. Este investimento deportivo, que ten un prazo de execución de tres meses, ascende a 390.968 euros.

"Poñemos en marcha neste primeiro ano de mandato municipal dous importantes proxectos para Moraña, xa que o novo aparcadoiro vai ofrecer un servizo fundamental e vainos permitir seguir embelecendo e dotando de equipamentos á nosa capital municipal, mentres que o remate de Mirallos, que foi unha obra que sufríu adiamentos pola quebra da primeira adxudicataria e o posterior sobrecuste dos materiais, é imprescindible pola nosa aposta polo deporte e pola necesidade que temos de ofrecer aos veciños as mellores instalacións posto que somos un pobo que practica moito deporte", explicou o alcalde de Moraña.