Haberá Carneiro este verán en Moraña. O Concello e os hostaleiros iniciarán as actividades gastronómicas da 51 edición da Festa do Carneiro ao Espeto o 11 de xullo coa novena entrega da iniciativa Espétalle un Pincho, que nesta ocasión estreará un formato novo coa degustación de petiscos na Carballeira de Santa Lucía.
Esta e outras cuestións relacionadas coa cita gastronómica que este ano vai experimentar grandes cambios pola situación sanitaria, a comida popular xa foi cancelada, foron abordadas este xoves na reunión mantida entre o goberno local e representantes da hostalería local.
No encontro acordaron o cambio de formato do Espétalle un Pincho, que pasará a ser en horario de tarde noite, ao aire libre e con casetas por cada establecemento participante.
A alcaldesa, Luísa Piñeiro, quixo deixar claro que este verán o criterio sanitario primará sobre o lúdico, pero aínda así o Concello permitirá o asado de carneiros e a venda dos lotes, así como algunhas actividades culturais e sociais. Con todo, non haberá verbenas para reducir o risco de contagios.
Así mesmo, indicou ao sector que o Concello concederá permisos especiais para a instalación de barras no exterior dos negocios co obxectivo de evitar aglomeracións dentro dos locais.