Moraña mellora a súa sinalización turística e patrimonial

Pontevedra
17 de xaneiro 2022

Unha subvención da Deputación permitirá adquirir novos paneis de material resistente e deseño claro e atractivo para poder achegar o patrimonio morañés a visitantes e veciños

O patrimonio cultural de Moraña terá novos paneis informativos
O patrimonio cultural de Moraña terá novos paneis informativos / Concello de Moraña

Coa intención de poñer en valor o seu patrimonio cultural, o Concello de Moraña levará a cabo unha actuación encamiñada a protexer esa riqueza, mellorando a sinalización dos elementos máis relevantes da vila. "Queremos facer máis accesibles todos estes elementos, coa colocación de paneis informativos que ofrezan unha información e documentación completa acerca dos mesmos”, explicou o alcalde José Cela.

Esta actuación supón unha continuación do traballo que xa se leva facendo nestes últimos tempos, nos que se instalaron xa algúns carteis destas características, con cargo a unha subvención da Deputación de Pontevedra.

O importe para os paneis que se producirán agora será superior aos 8.000 euros e destinarase aos elementos máis representativos de cada parroquia: Amil (San Mamede), Cosoirado (Santa María), Gargantáns (San Martiño), Lamas (Santa Cruz), Laxe (San Martiño), Moraña (San Lourenzo), Moraña (Santa Xusta), Rebón (San Pedro) e Saiáns (San Salvador).

Cela considera que esta información “non só serve para dar a coñecer a riqueza histórica e cultural de Moraña a aquelas persoas que nos visitan, senón tamén á propia veciñanza, xa que en moitos casos somos nós mesmos os que descoñecemos o interese e a historia que agochan os elementos que compoñen o legado do noso pasado”.

Os paneis deseñaranse con catro cores diferentes segundo a categoría: bens arqueolóxicos, etnográficos, arquitectura civil ou arquitectura relixiosa. Os materiais que se usarán son resistentes á intemperie e ao vandalismo, pero sempre harmonizando coa contorna.