Moraña pecha o seu plan de infraestruturas e obras en 2,74 millóns

Umia
23 de outubro 2018

A alcaldesa, Luis Piñeiro, destacou que Moraña, cun censo de 4.246 persoas, vai acadar este ano un investimento por habitante de 645,3 euros, o que supón unha cifra histórica e récord 

Pista de San Martiño de Gargantáns
Pista de San Martiño de Gargantáns / Concello de Moraña

O Concello de Moraña vén de pechar o plan de infraestruturas e obras 2018 en 2,74 millóns de euros tras as derradeiras incorporacións, como a mellora viaria e peonil de Chan de Amil co Deporemse, a senda Silvoso-O Souto da Consellería de Infraestruturas ou o Circuíto Pump-Track, tamén da Xunta.

A alcaldesa, Luis Piñeiro, destacou que Moraña, cun censo de 4.246 persoas, vai acadar este ano un investimento por habitante de 645,3 euros, o que supón unha cifra histórica e récord "que nos permitirá actuar en todas as parroquias e case todos os servizos para mellorar, e moito, a súa calidade de vida".

A rexedora revelou estas cifras durante unha visita á pista de San Martiño de Gargantáns, que vai ser unha das cinco melloradas no treito final do ano xunto coas de A Penagrande e O Casal (Laxe), Sabadín (Saiáns) e A Igrexa (Lamas) cunha partida de 130.000 euros do Plan Concellos da Deputación.

Piñeiro salientou que todos estes investimentos amosan a "capacidade de xestión, ideas e proxectos" do goberno local e recalcou que a práctica totalidade dos concellos galegos se moven habitualmente nuns parámetros de entre 100 e 400 euros por veciño.