Moraña propón un orzamento para 2020 cun gasto social un 48% superior

Umia
23 de decembro 2019

As transferencias correntes mantéñense estables malia a forte diminución da achega do Estado, que baixará de 701.000 a 635.000 euros. O goberno local "lamenta" tal caída e destaca que se compensa coa alza das transferencias directas da Xunta en 81.000 euros, ata alcanzar os 428.000 euros  

Casa consistorial do Concello de Moraña
Casa consistorial do Concello de Moraña / Concello de Moraña

O Pleno da Corporación de Moraña debaterá na noite deste luns o proxecto de Orzamentos municipais para 2020 elaborado polo goberno local, que ascende a 2.138.188 euros, un 1,25% superior ao pasado exercicio.  As contas resultarán previsiblemente aprobadas. 

No proxecto orzamentario destaca o incremento da partida de Servizos Sociais, que pasa de 242.832 euros en 2019 a 358.201 euros para o próximo ano, un 48% superior. En relación con esta subida, a alcaldesa, Luisa Piñeiro, destacou que Moraña leva anos de constantes incrementos na área de Servizos Sociais, pero nesta ocasión redobráronse os esforzos. 

En concreto, segundo a información facilitada pola alcaldesa, un de cada seis euros estarán destinados a persoas maiores, dependentes, persoas en risco de exclusión e colectivos máis vulnerables, que "xa dixemos que son unha absoluta prioridade para nós". En concreto, o investimento por habitante nesta área é de 85 euros, xa moi preto dos 100 que supón o nivel de 'excelencia social'.

No capítulos de ingresos, a presión fiscal quedará fixada en 216,87 euros por veciño ao ano, o que supón unha das cifras máis baixas de toda a provincia de Pontevedra, segundo destaca o goberno local a través dun comunicado.

Ademais, as transferencias correntes mantéñense estables malia a forte diminución da achega do Estado, que baixará de 701.000 a 635.000 euros. O goberno local "lamenta" tal caída e destaca que se compensa coa alza das transferencias directas da Xunta en 81.000 euros, ata alcanzar os 428.000 euros.

No apartado de gastos, 512.000 euros serán para gastos de persoal, o que supón apenas o 24% do total. 

O Plan de Investimentos 2020 non aparece detallado no Orzamento, xa que o goberno local quere agardar a coñecer os proxectos doutras administracións e a viabilidade certas negociacións que ten en marcha, polo que posiblemente se dea a coñecer no primeiro bimestre do próximo ano. A alcaldesa si que adiantou que os investimentos "van ser importantes, superando claramente o millón de euros".