Moraña renova o firme da EP-8201 en dirección Santa Xusta

Umia
08 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O Concello de Moraña está a renovar o firme dos treitos deteriorados da estrada provincial EP-8201 en dirección a Santa Xusta despois de que a Deputación de Pontevedra atendera favorablemente a solicitude cursada polo goberno local    

Renovación do firme nos treitos deteriorados na estrada provincial de Santa Xusta
Renovación do firme nos treitos deteriorados na estrada provincial de Santa Xusta / Concello de Moraña

O Concello de Moraña está a renovar o firme dos treitos deteriorados da estrada provincial EP-8201 en dirección a Santa Xusta despois de que a Deputación de Pontevedra atendera favorablemente a solicitude cursada polo goberno local.

O alcalde, Sito Gómez, realizou unha visita a estes traballos, que se executan en diversos treitos de máis de 500 metros de lonxitude na contorna do lugar das Pontellas e se completará proximamente co ensanchamento de dous treitos sinuosos que hai nesta zona.

Gómez indicou que esta reposición "era moi necesaria" despois de "estar abandonada durante os últimos anos por parte do anterior goberno da Deputación", e detallou que tamén corrixirán e ampliarán "un par de puntos moi estreitos e con pouca visibilidade nos que se mellorará a seguridade viaria".

Aproveitando esta actuación na estrada de Santa Xusta, o Concello aproveitou para acometer dúas canalizacións de pasantes das augas de escorrentía en senllos puntos co obxectivo de que non desborden pola calzada e afecten á circulación.

"Decidimos executala neste momento porque así xa lle poñemos fin a un problema coas augas e ademais evitamos ter que levantar a calzada posteriormente co conseguinte gasto económico e molestias para os usuarios", concluíu o rexedor.