Moraña quere revalorizar a contorna do Río Umia-Pontenova

Umia
22 de xaneiro 2025
Actualizado: 13:27

O Concello de Moraña consegue o acondicionamento e limpeza deste espazo e xestiona coa Xunta un proxecto de mellora integral

Contorna do río Umia e a Pontenova
Contorna do río Umia e a Pontenova / Concello de Moraña

Despois do acondicionamento e limpeza da contorna do río Umia e a Pontenova, o Concello de Moraña está a xestionar coa Xunta un proxecto de mellora integral para esta zona.

Deste xeito, veñen de rematar os traballos iniciais realizados pola administración autonómica neste lugar, consistentes en labores de roza ata Ponte Taboada, punto limítrofe co veciño municipio de Cuntis, para favorecer os percorridos por estas sendas.

Paralelamente, estase a desenvolver unha segunda acción por parte de Augas de Galicia que consiste na execución de traballos de restauración fluvial en toda a bacia do río Umia que afectan directamente a toda a contorna do encoro da Baxe, na que se ubica a Pontenova.

Estes traballos están dotados cun investimento global de máis de 2 millóns de euros e estanse a despregar durante 24 meses, o que contribuirá ao bo estado desta contorna e ao seu emprego pola cidadanía.

"Queremos darlle un pulo máis e por iso temos emprendidas negociacións co goberno galego para unha segunda fase na que temos postas moitas ilusións", manifestou o alcalde, Sito Gómez.

"Puxemos distintas alternativas sobre a mesa, orientadas todas elas á potenciación da Pontenova, e hai que ver cal encaixa mellor, porque hai que ter en conta que se deben respectar a normativa e os valores medioambientais da zona e tamén que hai que actuar con sumo coidado e seguridade polas preceptivas fluctuacións de auga do encoro que, loxicamente, condicionan o proxecto que finalmente se poida desenvolver", detallou o alcalde, que engadíu que, tan pronto como se coñeza a actuación definitiva, daráselle a coñecer aos veciños de Moraña.