Moraña supera por primeira vez na década os 1.500 afiliados á Seguridade Social

Umia
05 de novembro 2019

A alcaldesa Luísa Piñeiro destaca que as novas altas correspóndense coa caída do paro, polo que "non baixa porque se vaian a outros lugares, senón que o atopan aquí", subliña

Presentación do informe socioeconómico de Moraña
Presentación do informe socioeconómico de Moraña / Concello de Moraña

O municipio de Moraña pasa por primeira vez na década a barreira dos 1.500 afiliados á Seguridade Social. É a principal conclusión que se desprende do informe semestral de seguimento ligado ao programa Doing Business da Xunta de Galicia, que outorga ao concello pontevedrés a categoría de concello emprendedor.

Acompañada polo concelleiro José Cela, a alcaldesa de Moraña, Luísa Piñeiro, presentou os principais parámetros socioeconómicos dos seis últimos meses. A evolución desde a incorporación do Concello a este plan no 2018 mostrou unha tendencia positiva en todas as áreas de emprego e empresa "o que confirma que foi un acerto a participación neste programa", asegura Piñeiro.

Unha das medidas implantadas polo goberno local foi a de conceder beneficios fiscais aos axentes económicos para favorecer o asentamento de empresa e xerar traballo e riqueza no municipio.

Nos últimos 18 meses, a afiliación á Seguridade Social en moraña creceu un 6%, pasando dos 1.431 traballadores aos 1.513 actuais. Ademais, a taxa de paro foi caendo de forma continua desde os 339 aos 255 parados actuais, un descenso do 24,7%.

"As 84 persoas menos que hai en desemprego coinciden coas 82 novas altas á Seguridade Social, o que quere dicir que non baixa o paro porque se vaian a outros lugares, senón que o atopan aquí", destaca a rexedora.