Moraña, único municipio da área sanitaria con restricións especiais

Umia
01 de xuño 2021

Estará no nivel medio de restricións. Nel, a hostalería só poderá ocupar o 30% dos seus espazos interiores e nas súas terrazas poderán ocupar o 50% do seu aforo. No resto dos concellos de Pontevedra e O Salnés estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo

Cribado en Moraña
Cribado en Moraña

O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid-19, pola súa banda, vén de acordar na súa reunión deste martes o establecemento do nivel máximo de restricións nos concellos de Mos e A Pobra do Caramiñal.

Así mesmo, o comité tamén determinou o nivel alto de restricións nos municipios de Ordes e Viveiro. Ademais, as medidas do nivel medio serán de obrigado cumprimento nos concellos de Moraña, Ponteareas, Cenlle, Lobios, O Barco de Valdeorras, Ribeira, Boiro, Oroso, Xove, Vilalba e Monforte de Lemos.

Moraña será, por tanto, o único municipio da área sanitaria con restricións especiais. Nel, a hostalería só poderá ocupar o 30% dos seus espazos interiores e nas súas terrazas poderán ocupar o 50% do seu aforo.

No resto dos concellos galegos estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo.

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro sábado 5 de xuño.