Moreira acusa ao goberno local de utilizar as cámaras de tráfico para vixiar os composteiros

Pontevedra
27 de abril 2018
Actualizado: 15:26

"Se isto é así é que chegamos a un punto o cal pensabamos que Lores nunca sería capaz de alcanzar: un estado policial", sentenciou o portavoz dos populares

CETRA, Centro de control do Tráfico da Policía Local
CETRA, Centro de control do Tráfico da Policía Local / Mónica Patxot

"A compostaxe converteuse nunha obsesión enfermiza para Lores, tan enfermiza que deu instrucións expresas á Policía local para facer unha labor continuada de vixilancia dos composteiros comunitarios e utilizar as cámaras de vixilancia do tráfico para controlar o uso dos composteiros".

Así o dixo este venres o portavoz do Partido Popular, Jacobo Moreira, citando "unha información que lle achegaron" e da que espera explicacións por parte do alcalde de Pontevedra. "Esperaremos ao luns, se Lores non dá estas explicacións, actuaremos en consecuencia", sinalou Moreira.

"Isto é moi grave", destacou Moreira, "para Fernández Lores o máis importante que ten que facer a Policía local de Pontevedra é dedicarse a vixiar composteiros, e as cámaras de seguridade en lugar de vixiar o tráfico, vixían os composteiros. O Alcalde perdeu os papeis", denunciou o edil popular.

"Se isto é así é que chegamos a un punto o cal pensabamos que Lores nunca sería capaz de alcanzar: un estado policial", sentenciou o portavoz dos populares.

RESPOSTA DE LORES

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, enmarcou este labor de vixilancia por parte dos axentes municipais "dentro do seu traballo rutineiro de coidado do espazo público" que fai a Policía Local no marco das súas "obrigas normais".

O rexedor lembrou que os composteiros "incorporáronse ao patrimonio público", do mesmo xeito que as papeleiras ou o mobiliario urbano.

Ademais a Fernández Lores parécelle "absolutamente incomprensible" que o Partido Popular de Pontevedra estea "a boicotear" un proxecto pioneiro no tratamento dos residuos sólidos urbanos "que é de obrigado cumprimento e en beneficio do medio ambiente e da calidade de vida".