O Partido Popular retoma a súa ofensiva contra os lombos, ou máis concretamente, contra a ausencia dunha normativa que os regule. O seu portavoz, Jacobo Moreira, advertiu que Pontevedra contará cunha ordenanza nesta materia "le guste a Lores o no".
Nunha rolda de prensa, Moreira lembrou que o pleno da corporación aprobou hai un ano e catro meses unha moción na que se instaba ao Concello a modificar o regulamento de circulación, obrigando a adaptar os redutores de velocidade á norma estatal do Ministerio de Fomento.
Aínda que no seu día o goberno municipal mostrou a súa desconformidade a esta medida, ao entender que xeraba gasto para as arcas do Concello, os populares esgrimen agora un informe de Intervención que, ao seu xuízo, recolle "hasta en tres ocasiones" que esta modificación non implica gasto económico algún, polo que a súa tramitación debe seguir adiante.
"Pontevedra necesita con urgencia una ordenanza que regule la instalación de los lombos", defendeu Jacobo Moreira, un trámite que "se está frenando en los despachos por orden del alcalde".
O informe de Intervención alerta, iso si, que a tramitación deste expediente non incorría en gasto, pero si a súa aplicación práctica. A esa ambigüidade, probablemente, agárrase o goberno municipal para desestimar a petición dos populares.