Moreira anima a solicitar as axudas de Ence, un exemplo "do bo facer da Xunta de Núñez Feijóo"

Pontevedra
20 de marzo 2018

"Estamos a defender os intereses de Pontevedra e dos nosos veciños fronte á ideoloxía rancia do BNG", apuntou o presidente do Partido Popular de Pontevedra e portavoz municipal

Jacobo Moreira no pleno municipal con Lores no fondo
Jacobo Moreira no pleno municipal con Lores no fondo / Mónica Patxot

O presidente do Partido Popular de Pontevedra e portavoz municipal, Jacobo Moreira, animou este martes aos distintos colectivos e asociacións de Pontevedra a participar na segunda convocatoria de axudas do Plan Social de Ence.

"Mentres o goberno de Lores ten pendentes subvencións deportivas municipais dende 2015, provocando a agonía de moitos clubs deportivos do noso municipio, estas axudas darán prioridade ao deporte base con ata 900.000 euros a dividir entre aqueles que opten a ser beneficiarios destes fondos", destacou Jacobo Moreira, quen asegura que este é só un exemplo "do bo facer da Xunta de Núñez Feijóo".

"Ence debe devolverlle a Pontevedra todo o que esta lle deu ao longo destes anos", lembrou o portavoz dos populares, "e esta é a liña a seguir, tras unha importante negociación que ten como principais beneficiarios os nosos veciños", engadiu.

O edil popular quixo lanzar estas palabras de ánimo tras o ocorrido o ano pasado cando "o goberno de Lores tratou de intimidar aos posibles beneficiarios calificándoos como estómagos agradecidos".

"Estamos a defender os intereses de Pontevedra e dos nosos veciños fronte á ideoloxía rancia do BNG", apuntou, "Lores refuga destas axudas, pero é incapaz de xestionar as que presta o propio Concello aos clubs deportivos da nosa cidade", lamentou, "se Lores é capaz de ofrecer unha liña da axudas similar, retámoslle a que a poña en marcha, pero dubidamos que sexa posible".