Moreira ataca a Lores por non defender a capitalidade ante Abel Caballero

Pontevedra
20 de abril 2016

Para o portavoz popular,  "constatouse que Lores antepón o pacto na Deputación provincial ante os intereses de todos os pontevedreses" e pide que utilice o teléfono vermello para defender Pontevedra

Jacobo Moreira, portavoz do PP
Jacobo Moreira, portavoz do PP / Mónica Patxot

O portavoz do Partido Popular, Jacobo Moreira lamenta que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, "desaproveitase a oportunidade de defender" a capitalidade de Pontevedra ante Abel Caballero, alcalde de Vigo, durante o encontro que mantiveron os dous rexedores este mércores 20 no Concello de Pontevedra.

Para Moreira, Fernández Lores debería levantar o teléfono vermello para defender a capitalidade de Pontevedra "ante os continuos ataques de Abel Caballero e da súa delegada viguesa na institución provincial".

O portavoz popular móstrase molesto porque Lores tan só se preocupe dos asuntos que lle interesan aos nacionalistas como lograr apoios para a modificación de crédito, catro meses despois de aprobar o orzamento municipal.

Segundo Jacobo Moreira, Pontevedra "está a perder peso na comarca mentres o alcalde mantense en silencio". Os populares consideran que Abel Caballero está a desprestixiar o porto de Marín - Ría de Pontevedra e que Lores "garda silencio" a pesar de que é o representante do Concello de Pontevedra no Consello Administrativo da Autoridade Portuaria.

"Hoxe, a Lores tan só lle faltou poñer a alfombra vermella como fixo con José Blanco", concluíu o edil popular.