Moreira emenda os orzamentos da Xunta para incluír a Pontevedra no Plan de Transporte Metropolitano

Pontevedra
30 de outubro 2014

Á aposta de Moreira polo transporte urbano, que depende da vontade do Concello de Pontevedra, súmanse agora estas xestións para que tamén se implante o transporte metropolitano

Jacobo Moreira e Helena de Lucas
Jacobo Moreira e Helena de Lucas / PP de Pontevedra

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Jacobo Moreira reuniuse este xoves coa directora xeral de Mobilidade da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, Helena de Lucas, en Santiago de Compostela para anticiparlle a súa intención de presentar unha emenda aos orzamentos da Xunta de Galicia co fin de que se inclúa a Pontevedra no Plan de Transporte Metropolitano o vindeiro ano, dado que no proxecto orixinal non figura incluída.

Jacobo Moreira considera "indiscutible que Pontevedra necesita un servizo de transporte metropolitano que permita mellorar a mobilidade e a accesibilidade dos nosos veciños" un servizo que pode levarse a cabo a través deste plan.

Á aposta de Moreira polo transporte urbano, que depende da "vontade" do Concello de Pontevedra segundo os populares, súmanse agora estas xestións para que tamén se implante o transporte metropolitano.