Moreira esixe a Lores saber se Pontevedra seguirá tratando os seus residuos en Sogama

Pontevedra
25 de xaneiro 2014

Nun comunicado, os populares aseguran que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, "leva máis de tres lustros renegando do sistema de tratamento de residuos de Sogama e defendendo, certamente hoxe con moita menos vehemencia que hai unha década, a viabilidade dun suposto modelo alternativo" e esixen coñecer os seus plans "pois quince anos foi tempo suficiente para idear e desenvolver ese segundo proxecto"

Planta de tratamento de residuos sólidos nas instalacións de Sogama
Planta de tratamento de residuos sólidos nas instalacións de Sogama

Os concellos galegos poden desistir do convenio asinado con Sogama para o tratamento dos seus residuos antes do 1 de marzo. Foi unha das medidas adoptadas pola Xunta de Galicia no marco das queixas que suscitou a subida dun 33,5% do canon que abonan as administracións locais. Por iso Jacobo Moreira quere que o goberno municipal aclare a súa postura respecto deste prazo e informe publicamente se Pontevedra vai seguir ou non con Sogama.

Nun comunicado, os populares aseguran que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, "leva máis de tres lustros renegando do sistema de tratamento de residuos de Sogama e defendendo, certamente hoxe con moita menos vehemencia que hai unha década, a viabilidade dun suposto modelo alternativo" e esixen coñecer os seus plans "pois quince anos foi tempo suficiente para idear e desenvolver ese segundo proxecto".

No caso de continuar levando os residuos a Cerceda, di Jacobo Moreira que "sería de xustiza que Lores abandonara por fin as súas mensaxes hipócritas contra o modelo impulsado pola Xunta".

A "teima" do alcalde con Sogama viuse tamén reflectida, recorda o portavoz popular na cidade, no longo enfrontamento mantido en relación ao canon que correspondía pagar por contrato. E con respecto á sentenza perdida recentemente polo goberno municipal, Moreira insiste en que a Administración Local "non pode repercutir nos veciños as negativas consecuencias daquela resolución xudicial".

Moreira asegura que os veciños "xa estiveron pagando esa cantidade durante o tempo que durou o litixio, cunha das taxas de recollida de lixo máis caras de Galicia, uns cartos que o Concello cobraba aos cidadáns pero que ao mesmo tempo escatimaba a Sogama", polo que insta a que o goberno municipal "minimice enormemente a próxima suba do canon decidida por Sogama despois de tantos anos de cobrar de máis aos contribuíntes".