Moreira esixe ao goberno municipal deter a compra do local de Ferreiros

Pontevedra
16 de xuño 2017

O Partido Popular presentou alegacións á compra dun local na rúa dos Ferreiros, por parte do Concello, para ampliar as dependencias municipais. Os populares esixen deixar en suspenso a execución do acordo aprobado pola Xunta de Goberno

Local da rúa dos Ferreiros que comprou o Concello
Local da rúa dos Ferreiros que comprou o Concello / Mónica Patxot

O Partido Popular presentou alegacións á compra dun local na rúa dos Ferreiros, por parte do Concello, para ampliar as dependencias municipais. Os populares esixen deixar en suspenso a execución do acordo aprobado pola Xunta de Goberno.

Os populares consideran un "grave erro" que o BNG de Lores acuda á adquisición directa cando varios informes municipais inciden en que o procedemento normal e ordinario para a adquisición de bens inmobles é o concurso público.

"Estamos cansos de que o goberno de Lores acuda sempre á excepcionalidade. Hai unhas normas que se deben cumprir e así se llo esiximos. Non está xustificada a necesidade de acudir á adquisición directa", manifestou Jacobo Moreira, quen insiste en denunciar que "descoñecemos o interese oculto de Lores e do BNG por este local en concreto".

Moreira engadiu que se o Concello quere comprar ese inmoble "terá que recoñecer que é un capricho e xustificar as razóns", porque entende que a Pontevedra "non se lle vai solucionar nada e a única que sae gañando con esta operación é a entidade propietaria do local que ata agora non foi capaz de vendelo".