Moreira solicita persoalmente a Louro o seu apoio á cadea humana na Barca

Pontevedra
07 de novembro 2013

O voceiro do PP tamén invitou a Anova Pontevedra a sumarse ao acto reivindicativo do próximo sábado. Os representantes populares de Poio e Pontevedra pediron este xoves o permiso formal para a protesta ante a Subdelegación do Goberno

Jacobo Moreira e Antón Louro nun pleno muncipal
Jacobo Moreira e Antón Louro nun pleno muncipal / Mónica Patxot

O voceiro do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, solicitou este xoves o apoio expreso do PSdeG-PSOE de Pontevedra á cadea humana que o próximo sábado reivindicará a apertura inmediata da ponte da Barca para o tráfico en dirección a Poio. Fíxoo cunha chamada telefónica ao tenente de alcalde Antón Louro, que non se pronunciou.

Así mesmo, Moreira invitou a representantes da delegación de Anova na cidade de Pontevedra a que se sumen ao acto, e tamén púxose en contacto cos responsables de varias asociacións e federacións veciñais de Pontevedra, algunhas das cales xa confirmaron a súa intención de acudir ao acto.

Moreira e o seu homólogo en Poio, Ángel Moldes, presentaron esta mañá na Subdelegación do Goberno a solicitude oficial para celebrar a acción reivindicativa, convocada para as 12:30 da mañá do sábado.