Morre Manuel Fernández Areal, primeiro decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Pontevedra
16 de xaneiro 2026
Actualizado: 15:37

Xornalista e doutor en Dereito, Fernández Areal deixou unha fonda pegada tanto no ámbito dos medios de comunicación como no eido académico

Manuel Fernández Areal
Manuel Fernández Areal / Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo expresou o seu fondo pesar polo falecemento de Manuel Fernández Areal, primeiro decano da actual Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra, ocorrido este venres aos 95 anos de idade.

Xornalista e doutor en Dereito, Fernández Areal deixou pegada tanto no ámbito dos medios de comunicación como no eido académico.

Procedente da Universidad de La Laguna, incorporouse á Universidade de Vigo en 1994 para asumir o cargo de primeiro decano da entón denominada Facultade de Ciencias Sociais, tras a etapa inicial encabezada polo decano comisario Alejandro Pizarroso Quintero.

Durante o seu mandato, Fernández Areal sentou as bases organizativas e académicas do centro, que máis tarde se convertería na Facultade de Comunicación.

Co gallo da súa xubilación, no ano 2000, foi nomeado profesor emérito, mantendo así a súa vinculación coa institución durante unha década máis.

A actual decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, salientou a importancia do seu labor fundador e destacou que "puxo as bases da facultade e fixo un traballo fundamental na configuración dun equipo docente e no deseño dun perfil formativo de comunicadores polivalentes, hoxe plenamente vixente".

Torres subliñou tamén a súa implicación cos estudos de Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual, así como a súa capacidade para crear equipo e facer medrar o centro, ademais da súa faceta como "excelente profesor de Dereito da Información".

Nado en Ferrol en 1930, Manuel Fernández Areal desenvolveu unha extensa traxectoria profesional no xornalismo.

Ao longo da súa carreira foi director dos diarios Segre, de Lleida, e Diario Regional, de Valladolid, da Axencia Europa Press así como dos semanarios La Actualidad Española e Mundo Internacional.

Foi tamén presidente da Sociedad Española de Periodística e o primeiro catedrático galego en Ciencias da Información.

Autor dunha trintena de libros e de centos de artigos en revistas especializadas, a súa obra abordou de maneira destacada a relación entre comunicación e dereito, con títulos de referencia como La libertad de prensa en España (1938-1971), Introducción al derecho de la información ou El derecho a la información.

En recoñecemento á súa traxectoria, a Facultade de Comunicación concedéulle no ano 2008 a insignia de ouro do centro.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora