Pontevedra perde a un dos seus referentes no comercio local. Mayte Ramírez, propietaria da emblemática tenda de teas La Moda Ideal, faleceu aos 68 anos de idade.
A súa morte, que se produciu onte mércores, causou unha gran conmoción entre os seus compañeiros do centro histórico pontevedrés e, sobre todo, entre os seus clientes máis asiduos.
Ramírez, que levaba á fronte deste comercio desde 1984, tomou as rendas do negocio que abriu en 1896 o seu tío avó nos soportais da Praza da Ferrería.
Alí mantivo o seu negocio até o incendio que calcinou o edificio en febreiro de 2016.
Lonxe de renderse, Mayte Ramírez non dubidou en reabrir La Moda Ideal noutra localización.
Foi moi preto do seu emprazamento orixinal, na rúa Manuel Quiroga, onde tivo que empezar case de cero pouco despois do incendio.
A súa profesionalidade fixo que, en moi pouco tempo, o seu negocio recuperase todo o seu esplendor e seguise vendendo teas aos clientes que, a diario, pasaban polo seu establecemento.
A capela ardente está instalada no tanatorio de San Amaro. O funeral celebrarase este venres, á unha da tarde, na basílica de Santa María.