Morre un corzo nun brutal impacto cunha furgoneta dunha panadería en Cuntis

Umia
12 de xaneiro 2023

O servizo municipal de Emerxencias acudía ata o lugar do accidente na recta da Anllada, na N-640. A condutora do vehículo amosaba dores nas cervicais tras o golpe. Inicialmente o animal fuxía da zona pero, minutos máis tarde, falecía nas inmediacións a causa das feridas

O vehículo impactou co corzo na Anllada
O vehículo impactou co corzo na Anllada / Servizo municipal de Emerxencias de Cuntis

Unha traballadora dunha panadería de Cuntis que conducía a furgoneta da empresa pola Nacional-640 na recta da Anllada en Cuntis impactaba cun corzo ao redor das 13.00 horas deste xoves.

O golpe provocou graves danos na parte frontal do vehículo e a condutora mostraba molestias nas cervicais e indicou aos integrantes do servizo municipal de Emerxencias de Cuntis que tiña previsto acudir ao médico para unha exploración detallada tras o accidente.

Segundo relataban desde o servizo de Emerxencias, o corzo inicialmente perdeu un dos cornos polo brutal golpe pero lograba escapar de debaixo do vehículo. Mentres os responsables de emerxencias tentaban contactar con algunha entidade que puidese atender ao cérvido, o animal falecía a uns metros da zona de colisión como consecuencia das feridas.

Segundo indicaron as mesmas fontes, trátase dun caso excepcional porque a vía non se caracteriza pola presenza de fauna que interrompa o tráfico.