Mosquera, en Barcelona: "Expulsar ás persoas dos espazos públicos é unha inxustiza"

Pontevedra
27 de xuño 2017

Pontevedra volveu estar presente nun foro sobre mobilidade. Desta volta foi o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, o que viaxou ata Barcelona para participar no 23 Fórum Barcelona de Seguridade Viaria. Nel, puxo en valor a estratexia urbana desenvolvida en Pontevedra, que permitiu reducir a cero as vítimas mortais da violencia viaria

César Mosquera, no Forum Barcelona de Seguridade Viaria
César Mosquera, no Forum Barcelona de Seguridade Viaria / Concello de Pontevedra

Pontevedra volveu estar presente nun foro sobre mobilidade. Desta volta foi o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, o que viaxou ata Barcelona para participar no 23 Fórum Barcelona de Seguridade Viaria. Nel, puxo en valor a estratexia urbana desenvolvida en Pontevedra, que permitiu reducir a cero as vítimas mortais da violencia viaria.

Na súa intervención, Mosquera sinalou que os espazos públicos urbanos, as rúas e prazas, constitúen, por un lado un servizo público básico, da mesma orde que a educación e a sanidade e por outro son un dereito elemental das persoas que viven ou están na cidade

"Expulsar ás persoas, aos cidadáns dos espazos públicos é da mesma gravidade e inxustiza que expulsalos do acceso á educación ou a sanidade", destacou o representante do goberno municipal de Pontevedra.

Pontevedra foi a única cidade convidada para expor neste foro o seu modelo urbano. O evento xirou arredor da "Visión 0" a iniciativa de Suecia -asumida como obxectivo pola Unión Europea- que parte da premisa de que é inaceptable a morte de persoas en accidentes de tráfico e hai que actuar dun xeito transversal para combater a sinistralidade viaria.

Co obxectivo de transformar Pontevedra e acadar os estándares de calidade de vida e urbana que fan dela un referente no mundo, "tivemos que actuar con decisión, determinación, con coherencia" indicou o concelleiro de Infraestruturas, piar básico na formulación, deseño e aplicación do modelo de cidade.

César Mosquera fixo un repaso polo miúdo da estratexia "visión 0 vítimas, 0 expulsados e 0 asfixiados", das medidas adoptadas co fin de acadar o éxito, medible en beneficios para a saúde e benestar urbano.

Así, recordou que se instalaron arredor de lombos 400 urbanos e máis de 700 en todo o municipio, decretouse a velocidade máxima de 30 quilómetros por hora en todo o concello e limitouse o tráfico urbano aos tráficos de necesidade, o que causou unha redución de tráfico do 50% no conxunto da cidade e de ata un 79% no centro.

Con estas medidas logrouse, recordou Mosquera, que a cidade non rexistre ningunha vítima mortal en accidente desde o ano 2011, recuperáronse espazos públicos evitando a "expulsión" da cidade de colectivos especialmente vulnerables e melloráronse os datos da contaminacón, cumprindo os parámetros fixados pola Organización Mundial da Saúde.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora