O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, participaba este martes no IV Seminario de intercambio de experiencias no ámbito da sustentabilidade, que se desenvolve na Coruña. Neste encontro organizado polo Eixo Atlántico, o representante provincial sinalou que o Plan Revitaliza promovido pola Deputación é un "modelo imparable" no tratamento da compostaxe.
Desta forma, Mosquera sinalaba que o sistema xestiona a materia orgánica en proximidade nos concellos e cualificou como exitosos os resultados obtidos ata a data con máis de dous terzos dos municipios da provincia adheridos a este plan.
Segundo explicaba o vicepresidente provincial no seu relatorio, os concellos participantes son os que se atopan en mellor situación dentro do Estado para cumprir coas esixencias da Unión Europea.
Neste sentido, lembrou que en 2020 será preciso preparar para a reciclaxe e reutilizar o 50% do lixo que se xere, sendo a parte orgánica o 53%. Tamén indicou aos asistentes que en 2023 será obrigatorio compostar ou tratar mediante algún sistema sustentable o 100% da fracción orgánica separada.
Mosquera apuntou que actualmente 43 concellos de Pontevedra instalaron composteiros comunitarios que supoñen unha alternativa máis económica e ecolóxica ao tratamento dos residuos urbanos centralizado e baseado na incineración. Explicou tamén que varios dos concellos se atopan nunha fase moi avanzada co modelo de compostaxe aplicada de maneira global.
Desta forma, sinalou que a eliminación dos residuos converteuse nunha oportunidade vantaxosa ao xerar compost. O Plan Revitaliza, engadiu, descentraliza o tratamento e busca que a compostaxe se realice nos domicilios a través de composteiros individuais e, naqueles puntos onde non sexa posible, a través de composteiros comunitarios. Con este sistema, aclarou Mosquera, redúcense os gastos de transporte e de tratamento.
Lembrou tamén que esta iniciativa recibiu recoñecementos internacionais e está a ser estudada por parte doutros gobernos e investigadores ambientais de distintos puntos do planeta e citou á axencia europea Zero Waste Europe, a visita dunha delegación de China a Pontevedra e da presenza de estudosos procedentes de Brasil ou Italia.
Neste seminario participaron o exrector da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o representante da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, Jorge Díaz Castelo; e o representante da Cámara municipal de Guimaraes Sofía Ferreira, entre outros relatores.