Un dos principais eventos moteiros de toda a provincia, a Concentración Mototurística Rías Baixas, chega á súa edición número 37. Volverá converter a Sanxenxo no epicentro das dúas rodas os días 12, 13 e 14 de setembro.
Así o anunciaron este xoves o alcalde, Telmo Martín, e o presidente do Motoclub Amigos da Moto Sanxenxo, Sergio Prol, que presentaron o cartel deste evento.
O cartel deste ano, coa imaxe dun atardecer na praia de Baltar, é do fotógrafo Emilio Rico da Asociación Ollares de Portonovo.
Un ano máis a chaira de Baltar converterase na central de operacións do evento no que se espera concentrar a máis de 20.000 persoas.
"É un evento plenamente consolidado en Sanxenxo, de calidade e que está chamado a seguir crecendo e seguir sendo un referente para os amantes das dúas rodas", asegurou Telmo Martín, que celebra que no municipio haxa actividades "de todo tipo".
Sergio Prol agradeceu a "implicación" do Concello con esta concentración porque sen eles e sen a axuda de numerosos colectivos locais "non sería posible".
A este respecto, o organizador sostivo que este evento "beneficíanos a todos" ao atraer a moita xente ao municipio "que come, cea e durme e Sanxenxo".
A programación aínda se está pechando, pero Prol xa asegurou que haberá novidades e un "pequeno plus" que conseguirá que "quede un evento bonito".
O Concello de Sanxenxo colaborará cos organizadores cunha achega de 15.000 euros, así como nos traballos para reforzar a seguridade e organización da cita.