Os servizos de emerxencias xestionaron ás 9:18 horas deste xoves o aviso dun atropelo no lugar de Vinquiño, no termo municipal de Sanxenxo.
O incidente localizouse nun paso de peóns situado fronte ao supermercado Gadis.
Segundo a información facilitada polo Concello, a vítima é unha muller de 80 anos, veciña de Miraflores, que recibiu un impacto na cabeza como consecuencia da colisión.
O condutor do turismo implicado relatou que a posición do sol nese momento dificultou a súa visión ao volante, o que lle impediu detectar a presenza da viandante.
Tras unha primeira asistencia, a muller foi trasladada ao centro de saúde de Baltar para recibir atención médica.
ACCIDENTE EN POIO
Apenas tres minutos antes deste suceso, ás 9:15 horas, o 112 Galicia rexistrou outro accidente de circulación no municipio lindeiro de Poio entre un turismo e unha furgoneta pequena.
Neste caso, o sinistro tivo lugar na Avenida da Seca, onde os vehículos implicados quedaron inmobilizados na calzada.
Ao momento desprazáronse efectivos de Protección Civil de Poio, axentes da Garda Civil de Tráfico e unha ambulancia do 061.
O balance deste segundo incidente limitouse a unha persoa ferida con lesións de carácter leve, según informa Protección Civil de Poio.