Un accidente do tren turístico que percorre o centro do municipio de Cambados provocou este xoves que dúas persoas resultaran feridas, ademais de danos no mobiliario urbano da rúa Real.
O sinistro produciuse arredor das 13:30 horas, cando o vehículo coñecido como Pavi-Tren colisionou contra varios elementos da vía pública, incluíndo un testo ornamental e a fachada dun edificio, segundo confirmaron diversas fontes.
Foi unha das persoas que viaxaba no propio tren turístico quen alertou ao 112 Galicia do sucedido, informando que tras o impacto había polo menos unha persoa que precisaba asistencia sanitaria.
Finalmente, confirmouse que dúas pasaxeiras resultaron feridas: M.G.G.P., unha muller de 51 anos, e G.E., unha nena de 6 anos.
Ambas as dúas vítimas tiveron que ser evacuadas ao Centro de Saúde de Cambados nunha ambulancia do 061 desprazada ao lugar dos feitos.

Ademais dos servizos sanitarios, no operativo de emerxencia participaron efectivos da Policía Local e do Servizo Municipal de Emerxencias de Cambados, ademais do 061.
As autoridades investigan as causas do accidente, que se rexistrou nunha das rúas máis céntricas e transitadas da vila por un vehículo que circula a velocidade reducida.
