Mulleres en igualdade de Poio vai facer entrega do premio Muller do Ano de Poio na súa terceira edición ao Equipo Feminino de fútbol sala Poio Pescamar.
Segundo explicou Maritxe González, presidenta de Mulleres en igualdade de Poio, no 25 aniversario deste club "era necesario" este recoñecemento porque "conseguiron que un humilde equipo de mulleres tivesen a ilusión de xogar ao fútbol e demostrar que podían chegar todo o máis alto".
"Esa ilusión, esforzo e traballo tiveron os seus froitos e na actualidade son un dos equipos referentes da primeira división española", destacan desde Mulleres en Igualdade, que lembran tamén que o Poio Pescamar "nutriu de xogadoras á selección española".
Na xustificación deste galardón, tamén lembran os premios e recoñecementos recibidos por este Club durante estes anos como "o reflexo do gran traballo realizado dentro e fóra das pistas", polo que se estende o recoñecemento "a todas as xogadoras que durante estes 25 anos fixeron posible este soño, ao corpo técnico, á Xunta Directiva, aos patrocinadores e polo seu posto ás xogadoras do actual equipo" que este ano están a loitar polo título de liga nas primeiras posicións.
Por todo iso, o próximo 4 de marzo no Centro Xaime Illa de Raxó faráselles entrega deste galardón.