Un pontevedrés debe pagar unha multa de 160 euros e indemnizar outro home pagándolle 270 euros e unhas lentes danadas por agredilo durante unha discusión iniciada cando os dous paseaban os seus cans.
O acusado e a súa vítima estaban cos seus cans na praza Veiga da Eira, no barrio de Campolongo, cando ocorreron os feitos.
O acusado levaba ao seu can solto, sen correa, e o outro home levaba ao seu atado.
O can do acusado achegouse ao do outro home e encerelláronse entre eles. Vendo a escena, o dono do outro animal gritoulle ao acusado: "ata a tu perro".
Ante a imposibilidade de coller ao can, o dono do can atado concluíu con darlle unha patada ao can solto do acusado. Como resposta, o acusado deulle un lapote na cara, facendo que as súas lentes se caesen ao chan e romperan.
A vítima tivo que comprar unhas lentes novas, valoradas en 175 euros, e acudiu a un centro de saúde, no que apreciaron que tiña unha contusión facial simple. Tardou enre 5 e 7 dades en curarse e non quedou ningunha secuela.
O acusado levou ao seu can ao veterinario porque presentaba dor na zona escapular e inflamación na zona latero-cranial do hemitórax e unha leve coxeira. Tivo que tomar antiinflamatorio e repouso, dándolle o alta 10 días despois.
Os feitos ocorreron sobre as 20.40 horas do 21 de decembro de 2023 e chegaron a xuízo ao Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra cos dous implicados acusados, aínda que o xuíz decidiu condenar só ao acusado e absolver o outro home, ao que lle atribuían un delito de malos tratos animais.
Nesa primeira sentenza, o acusado foi condenado por un delito leve de lesións e el recorreu, de modo que o caso chegou á sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra.
A Audiencia desestimou o recurso e confirmou a sentenza e a condena do acusado.