Multitudinaria recepción a Melchor, Gaspar e Baltasar nas rúas de Pontevedra

Pontevedra
05 de xaneiro 2023

Música, animación, dúas toneladas de caramelos e sorrisos encheron na tarde deste xoves as rúas de Pontevedra. Seis carrozas circularon pola cidade acompañando a Melchor, Gaspar e Baltasar mentres unha multitude que levaba horas gardando sitio os recibiu con emoción. Este ano o percorrido foi máis longo e a asistencia, máis elevada

Cabalgata dos Reis Magos polas rúas de Pontevedra 2023
Cabalgata dos Reis Magos polas rúas de Pontevedra 2023

As rúas de Pontevedra volveron encherse de ilusión este xoves. Despois de dous anos con celebracións marcadas polas restricións da pandemia, este ano, Melchor, Gaspar e Baltasar volveron percorrer o centro da cidade nas súas carrozas acompañados de moita maxia e dunha multitude que gardou sitio durante horas para poder presenciar o percorrido.

A cita real resultou a máis multitudinaria das que se lembra en Pontevedra, con miles de persoas concentradas durante todo o percorrido, de tal maneira que polo centro da cidade resultaba imposible moverse durante todo o tempo que durou a cita. En moitas das rúas había xente agardando e gardando sitio desde máis de dúas horas antes do inicio. 

O percorrido en si xa foi máis longo do habitual, ao comezar na rúa Loureiro Crespo máis arriba, cara á avenida de Lugo. E, a pesar de que había unha ruta real máis longa, todas as rúas estiveron cheas de xente, nenos en primeira fila e persoas de todas as idades acompañando e compartindo ilusión. 

A comitiva real foi un pouco máis curta que a de anos anteriores. Estaba composta por seis carrozas desde as que repartiron preto de dúas toneladas de caramelos que nenos e maiores agardaban con ganas desde a rúa.

As tres carrozas de Melchor, Gaspar e Baltasar estiveron acompañadas durante o percorrido por outras tres: Tigre Siberiano de Zona Monumental, Pocahontas de Avícola de Galicia e Dragon Ball de Supermercados Froiz

Ao seu carón, durante todo o percorrido, non faltou a animación de Rivel Animación, Barafunda, Art-Monium, Troula ou Pablo Méndez.

A festa estivo, ademais, amenizada con música coas actuacións da charanga Airiños de San Martiño, o grupo folclórico Pola Vila, Duos Pontes ou os Fervellos do Pío.

Faltaron os camelos reais -o Concello decidiu non utilizar ningún animal vivo durante a cabalgata-, pero o resto da festa deixou imaxes iguais ás xa tradicionais antes da pandemia, con miles de persoas recibindo con cariño aos Reis Magos na súa visita a Pontevedra.