Música, diversión e sabor no Portonovo Gastronómico

Sanxenxo
30 de abril 2023

A segunda xornada deste evento festivo permitiu ver unha nova edición da Vespa Raiada e o sorteo das primeiras 24 estancias. A música acompañou durante todo o día a residentes e visitantes. Durante a noite están programados tres concertos a cargo de La Buena Vida, La Franga e Tonichi y Pacheco

Portonovo Gastronómico
Portonovo Gastronómico / Concello de Sanxenxo

Continúa o ambiente festivo instalado nas rúas de Portonovo durante esta fin de semana con motivo do evento Portonovo Gastronómico-Festa da Raia.

Adultos e escolares puideron gozar dunha xornada dominical marcada pola Vespa Raiada, cunha exhibición destas características motos, que deu paso aos sorteos das primeiras 24 estancias para dúas persoas en hoteis do municipio dentro das 48 que integran os premios desta cita gastronómica.

Ao longo da xornada houbo animación coa charanga Cantos Somos e Condado, ademais da actuación de Circo de Troula co seu espectáculo de animación no Parque do Espiñeiro.

Tamén pola tarde as charangas MIlnove e Moita Marcha percorreron as rúas cun fin de xornada cheo de música grazas ás actuacións de La Buena Vida e La Franga en Rafael Picou; e Tonichi e Pacheco na Praza Méndez Núñez.

O luns 1 chegará o fin de festa co sorteo das estancias restantes e a saída da comitiva, ás 12.00 horas, desde a Lonxa, acompañada polos Gatiños de Portonovo ata chegar á Casa Don Fernando onde se realizará a entrega da Raia de Ouro.

Durante estes días Rafael Picou e a Rúa dos Viños son o centro de degustación de distintos produtos do már con máis de corenta tapas realizadas especialmente para esta cita culinaria no Concello de Sanxenxo.