Música folk para para celebrar o Xacobeo nos concellos do Camiño

Pontevedra
03 de agosto 2021

O evento virará polos concellos de Barro, Portas, Catoira, Soutomaior e O Rosal e constará dun espectáculo de animación infantil a cargo de Barafunda e unha actuación folclórica de música e baile a cargo das agrupacións Asociación Folclórica Corisco, Banda de Gaitas Xarabal e a Agrupación Folclórica Lembranzas Galegas.

O delegado da Xunta, Luís López, presenta o programa Coñece o Teu Camiño con membros da Asociación Cultural Interfolk
O delegado da Xunta, Luís López, presenta o programa Coñece o Teu Camiño con membros da Asociación Cultural Interfolk / PontevedraViva

A Xunta de Galicia está a impulsar, a través da colaboración da Axencia Turismo de Galicia, o programa cultural Coñece O Teu Camiño, que inclúe cinco espectáculos baseados na tradición e nas rutas xacobeas e que se desenvolverán na provincia de Pontevedra ao longo deste mes.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e representantes da Asociación Cultural Interfolk, promotora desta actividade, presentaron hoxe as datas, os lugares e o contido destas actuacións no edificio administrativo de Campolongo.

“Dende a Xunta de Galicia estamos absolutamente comprometidos co Xacobeo 2021-2022 tanto pola súa importancia intrínseca como polo seu enorme valor como ferramenta de reactivación socioeconómica pola crise sanitaria da covid-19. Por elo, estamos a difundilo e a estendelo por todo o territorio da nosa comunidade, con máis de 400 eventos dende o pasado ano, para universalizar aínda máis o Camiño de Santiago e seguir favorecendo que os galegos sintan o Ano Santo como algo propio e que forma parte da nosa identidade”, sinalou o representante autonómico.

O proxecto Coñece O Teu Camiño configúrase como un evento transversal que inclúe un espectáculo infantil a cargo de Barafunda Animación centrado na peregrinaxe do Camiño e o Océano Atlántico e unha actuación de folclore con música e danza tradicional.

No mesmo participan, ademais de Barafunda, a Asociación Folclórica Corisco, a Banda de Gaitas Xarabal e a Agrupación Folclórica Lembranzas Galegas.
A xira comezará este sábado, 7 de agosto, no Rosal e continuará no Pazo da Crega de Barro o sábado 28 de agosto, o Auditorio de Portas o domingo 29 deste mes e o Auditorio de Catoira o sábado 4 de setembro para finalizar ao día seguinte na Alameda Talo Río de Soutomaior. Todas as actuacións comezarán ás 20 horas.