"Na nosa cona non manda ninguén"

Pontevedra
18 de xullo 2014

As estatuas e monumentos de Pontevedra amenceron este venres con mensaxes como "Aborto libre e gratuíto", "Sexo cando desexo, embarazo cando decido",  "A virxe María tamén abortaría", "Nós parimos, nós decidimos" ou "Sexualidade non é maternidade: parir non é o destino da muller". ÿ unha campaña reivindicativa da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova contra a Lei do Aborto

Protesta de Galiza Nova nas estatuas e monumentos de Pontevedra para dicir non á Lei do aborto Asemblea de Mulleres de Galiza Nova Pontevedra

"Aborto libre e gratuíto", "Sexo cando desexo, embarazo cando decido",  "A virxe María tamén abortaría", "Nós parimos, nós decidimos", "Sexualidade non é maternidade: parir non é o destino da muller" ou "Na nosa cona non manda ninguén". Son algunhas das mensaxes que lanzan as estatuas e monumentos de Pontevedra dende a mañá deste venres.

As cartolinas reivindicativas foron penduradas ao longo da noite por integrantes da Asemblea das Mulleres de Galiza Nova Pontevedra co obxectivo de amosar a súa oposición á Lei do Aborto que pretende aprobar o Goberno central. En concreto, segundo explican dende o colectivo, pretenden "evidenciar un rexeitamento por parte da sociedade pontevedresa, a unha lei anti-aborto que o ministro Ruíz Gallardón, co apoio do Partido Popular, da igrexa católica e dos sectores máis retrógrados e conservadores, pretende impoñer na nosa sociedade".

A Asemblea das Mulleres de Galiza Nova sostén que se está a vivir unha situación na que as mulleres "vemos como os nosos Dereitos Sexuais e Dereitos Reprodutivos están a ser atacados", e na que non se lles deixa decidir sobre o seu corpo. Ante esta situación, entenden que a loita feminista cobra moita máis importancia non só para combater as políticas de recortes, senón tamén na defensa das liberdades.

Anuncian xa que continuarán loitando "para evitar retrocedermos décadas" en dereitos e liberdades como aseguran que pretende o PP. Para isto, fan un chamamento á sociedade para que se rebele contra estas políticas e diga "non a esta sociedade machista e patriarcal".