O Concello de Marín dá un novo paso para poñer en valor o "envexable e moi rico" patrimonio arqueolóxico do municipio. A través do Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico de Marín, o domingo día 16 inaugura a Ruta das Mámoas.
Este roteiro terá como protagonista a un dos recursos arqueolóxicos máis importantes de Marín e sen dúbida o máis importante da parroquia de Santomé: as mámoas, que se construíron e usaron entre hai 6.500 e 4.000 anos.
Para poñer en marca esta ruta, o Concello realizou labores de de restauración nas mámoas de Chan de Castiñeiras, Outeiro de Ombra, Outeiro de Ombra 5, Chan de Armada 1 e 2, Chan de Fonteseca, Lagocheiras e Chan de Xaxán.
A ruta ten sinalización e paneis interpretativos, que tratan distintos temas que permiten ao visitante saber que son e como se fixeron estas tumbas, e tamén coñecer distintos aspectos da vida dos seus construtores.
A concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, adiantou que, para inaugurar a ruta, o punto de encontro será no dique do Lago Castiñeiras ás 10.00 horas.
Nesta xornada inaugural, o percorrido terá unha duración de 3 horas, cunha lonxitude total de 7,5 quilómetros e dificultade baixa.
Recoméndase levar sombreiro e roupa e calzado cómodo e será preciso inscribirse a través do correo electrónico [email protected].