Avance da programación do Nadal que prepara o Concello de Poio.
Antes de confirmar a relación concreta de eventos, o goberno local deu a coñecer un adianto do que prepara para o Nadal en Poio.
"Pequenos e maiores gozarán dunha programación ampla, variada e de moitísima calidade, destinada para todos os públicos e que busca espertar a ilusión e encher de vida o municipio nunhas datas tan máxicas", asegura o alcalde, Ángel Moldes.
O tres avances da programación son espectáculos "moi potentes" e pensados para o público familiar.
Terán lugar todos eles na carpa Poio Máxico que se instalará na Seca e contarán con entrada de balde.
Juan D e Beatriz, presentadores de Los Lunnis en TVE, chegarán a Poio co seu espectáculo 'Superhits'o sábado 7 de decembro, ás 18.00 horas. Cantarán e bailarán durante algo máis dunha hora acompañados dos seus inseparables amigos MioMio, Hada Mariana, Siderot e Escondino.
Outra das citas chegará o día de Nadal, o mércores 25 de decembro (18.00 horas), co espectáculo de maxia 'Magicspace' de Pedro Volta, deseñado para todos os públicos.
Por último o día 2 de xaneiro (18.00 horas) os populares Cantajuego estarán en Poio para presentar 'Tallarín, un mundo máxico'.
Poio inaugurará o seu Nadal o vindeiro sábado, 30 de novembro, cunha festa na Praza do Mosteiro, que contará con animación, música e unha conta atrás para o aceso das luces.
Este ano habilitaranse ademais aldeas do Nadal na contorna dos muíños de Samieira, no parque de Lourido, no Atrio de San Salvador, na Praza da Chousa de Combarro, no porto de Raxó, na Praza da Granxa de Campelo e na contorna da Igrexa de San Martiño.
"Queremos converter a Poio nun referente en Nadal, nun referente por contar cunha proposta de calidade, con espazos cheos de contido para gozar as familias", explicou Ángel Moldes sobre a programación que será presentada nos próximos días.