Nahir, a nena con parálise cerebral, xa é capaz de coller un lapis grazas aos tapóns solidarios

Pontevedra
16 de marzo 2018

A fundación 'Amigos de Galicia' pon en marcha a terceira campaña de recollida de tapóns para axudar á pontevedresa Nahir, que xa mostra unha notable evolución tras o tratamento financiado por campañas anteriores

Alejandra González, nai de Nahir, coa xefa de departamento de traballo social, Noelia Romero
Alejandra González, nai de Nahir, coa xefa de departamento de traballo social, Noelia Romero / Gabriela Varela Asorey

Nahir ten seis anos e padece desde o seu nacemento unha parálise cerebral con tetraparesia discinética, que lle impide andar, poñerse de pé ou coller obxectos. Desde hai un par de anos, a fundación 'Amigos de Galicia' organizou campañas solidarias de recollida de tapóns para financiar a axuda médica que precisa. Estas iniciativas supuxeron, desde o inicio do seu tratamento a finais de 2016, que a pequena pase de apenas incorporarse a dar pasos de forma firme, coller un lapis coa súa man e mesmo tratar de comunicarse oralmente.

Co obxectivo de que a pontevedresa siga avanzando e mellore aínda máis, este venres 16 na Casa Azul foi presentada unha nova campaña solidaria de recollida dirixida a axudar a Nahir e tamén a Álex, un neno de Vigo con parálise cerebral infantil.

A xefa do Departamento de Traballo Social de 'Amigos de Galicia', Noelia Romero, informou da importancia de que a nena continúe co tratamento que recibe no Instituto de Neuro-Rehabilitación Quirónsalud, en Pontevedra. Un tratamento que desde a entidade solidaria comprometéronse a financiar seis meses máis.

A nai da menor, Alejandra González, que asistiu á presentación, relatou orgullosa os avances da súa filla. A nena non podía apenas poñerse de pé cando iniciou o seu tratamento. "Ahora comienza a sentarse, a coger un lápiz con la mano, da los pasos de forma más firme, se encuentra con mucha más fuerza, pero todavía necesita ayuda para continuar evolucionando", segundo comentaba a nai.

Nahir necesita aínda máis de 35.000 quilogramos de tapóns para continuar coa axuda médica que precisa. Actualmente, recibe un tratamento semanal de  neurorehabilitación e o procedemento co robot lokomat, un sistema que reproduce a marcha humana e lle serve de soporte para o seu peso corporal. Isto complétase con sesións de logopedia, ademais de contar cunha coidadora compartida no centro no que estuda, o CEIP Príncipe Felipe.

Desde a fundación animan a toda a cidadanía a colaborar coa iniciativa solidaria a través de distintos puntos de recollida situados en toda Pontevedra, como nas Galerías da Oliva, cafeterías El Dulce de Leche, a propia Casa Azul e o centro Príncipe Felipe, entre outros. Ademais, ofrecen os seus servizos a calquera familia galega que se atope nunha situación similar. 'Amigos de Galicia' paga as sesións terapeúticas directamente na clínica e recibe un control presencial, co obxectivo de levar a cabo a iniciativa de forma transparente e directa.