Nantes reforza o seu catálogo empresarial coa chegada de Eurotec

Sanxenxo
08 de marzo 2022

A empresa, centrada no control de calidade na construción, iniciou estes días os traballos de escavación nas dúas parcelas nas que ten previsto levantar as súas naves

Escavacións para a construción de novas naves no parque empresarial de Sanxenxo
Escavacións para a construción de novas naves no parque empresarial de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

Unha nova firma de I+D+i súmase á oferta do parque empresarial de Nantes. Trátase de Eurotec Inspección S.L., dedicada a realizar probas de calidade en obras civís e en edificación, así como inspeccións de parques Infantís, áreas deportivas e equipamentos.

Ademais, dispoñen dun amplo catálogo en actividades formativas especializadas.

A empresa iniciou estes días os traballos de escavación nas dúas parcelas nas que levantará as súas catro naves e prevese que estea en funcionamento a principios do ano 2023.

Eurotec Inspección e Control iniciou en 2015 os seus servizos en Sanxenxo, Caldas e A Coruña, pero a intención da dirección é centralizar a súa actividade no parque empresarial de Nantes do que destaca “unhas vías de comunicación idóneas” para a súa actividade.

O polígono suma xa cincuenta parcelas ocupadas con proxectos empresariais e amplía o abanico de actividades económicas. O parque ten 261 parcelas para a actividade empresarial.

A maiores, o Concello dispón dunhas parcelas que suman 48.704 metros cadrados que, en principio, destinaranse a equipamentos públicos, entre os que destacan as novas sedes da Policía Local, o Servizo de Emerxencias e os servizos de mantemento, parques e xardíns. 

O parque empresarial reúne polo menos seis actividades económicas distintas, pero os sectores que máis destacan por número e a superficie que ocupan son a alimentación e os materiais de construción, con seis e sete empresas en cada un destes segmentos. 

En alimentación destacan Mercadona con case 10.000 metros cadrados ocupados, séguenlle Eroski con 6.000 metros cadrados e Xesnova global con 4.800 metros cadrados. No segmento dos materiais de construción hai empresas de carpintería de madeira, carpintería metálica, granitos e louza sanitaria.

Outro sector que destaca é o das enerxías renovables con Inelsa que, a maiores das dúas parcelas das que dispón, fixo unha alianza para a creación dunha fábrica de baterías de uso doméstico, outras presentes son actividades de loxística, un gran bazar, un tanatorio e unha gasolineira.

A todas estas sumarase a principios do ano que vén Eurotec Inspección S.L.