Natalia Camiña, candidata do BNG á Alcaldía de Cuntis

Umia
11 de xaneiro 2023

O BNG ven de elixir, por unanimidade, a Natalia Camiña para encabezar a candidatura en Cuntis. A responsable local do BNG, Dores Chedas, destaca a súa xuventude, formación, capacidade de traballo, gañas, ilusión e coñecemento do concello

Natalia Camiña, portavoz do BNG en Cuntis
Natalia Camiña, portavoz do BNG en Cuntis / BNG de Cuntis

A Asemblea local do BNG de Cuntis refrendou por unanimidade a proposta do Consello local de que Natalia Camiña encabece a lista ás vindeiras municipais en Cuntis co obxectivo principal de "traballar para que Cuntis abandone o declive que dos últimos anos e que, aproveitando ao máximo os seus recursos e potencialidades, encarrile a senda dun futuro mellor e con máis posibilidades".

Natalia Camiña é natural de Pena de Vilabar, na parroquia de Troáns, onde vive, ten 24 anos, é graduada en Química e traballa na actualidade nunha fábrica de Cuntis.

A responsable local do BNG, Dores Chedas, quixo poñer en valor, "a súa mocidade, a súa entrega e o seu compromiso para traballar por un futuro mellor para Cuntis".

"Cuntis non pode resignarse a seguir esmorecendo lentamente", afirmou a candidata nacionalista, Natalia Camiña, que incidiu en que "o noso concello non pode seguir perdendo poboación e recursos, temos que traballar con intelixencia e ilusión para poñer en valor os numerosos recursos de temos, defender con máis forza os nosos servizos públicos fronte ao deterioro e desmantelamento dos últimos anos (un bo exemplo témolo no centro de saúde), e prestarlle a atención debida ás nosas parroquias, as grandes esquecidas do actual goberno municipal".